A proposta de cesión á Universidade do edificio do Hospital Provincial centrou este mércores unha sesión extraordinaria do Consello de Campus de Pontevedra, dirixida a dar a coñecer aos e ás integrantes deste órgano colexiado unha proposta que, como sinalou o reitor, Manuel Reigosa, permitiría “programar o campus de Pontevedra do futuro” e contribuír “a que dentro de dez anos poida ser un dos campus con maior resiliencia de Galicia”. Nese senso, o propósito desta xuntanza era tamén reunir as primeiras valoracións dunha proposta respecto “da que non hai nada pechado” e que implicaría traballar nos próximos dous anos na definición dunha planificación que recolla os usos que a institución académica proxectaría darlle a “un edificio con máis de 23.000 metros cadrados útiles”, para o que “as posibilidades están totalmente abertas”, salientou.
Como explicou Reigosa nesta sesión extraordinaria, a proposta que se lle trasladou desde o Goberno galego conta coa aceptación tanto da Consellería de Educación como de Sanidade e comprendería que a Xunta acometese as obras de remodelación dos espazos antes de “facer a entrega do edificio”. Previamente, deberá completarse o traslado dos servizos do Hospital Provincial ao Gran Montecelo, unha vez se completen as obras desta infraestrutura hospitalaria. Nese senso, o reitor indicou en que desde a administración autonómica “falaban inicialmente de dous ou tres anos”, como o prazo previo a poder iniciar os traballos para esta posible cesión. Un período no que a institución académica debería definir “o plan de usos do edificio”, no que se recollan que titulacións ou servizos se emprazarían nel, así como as necesidades que isto implicaría en materia “de espazos, aulas, laboratorios ou despachos”.