39 empresas participarán nunha nova edición do Pont-Up Store, marcada pola sustentabilidade

Coa selección de 39 empresas comezou a conta atrás para a celebración da novena edición do Pont-Up-Store, que se desenvolverá o 23 e 24 de setembro na Praza de España de Pontevedra. O comité organizador desta iniciativa, promovida polo Grupo G4 Plus da Universidade de Vigo, liderada polo Campus CREA, escolleu, entre 150 candidaturas recibidas, 39 startups galegas, que destacan pola innovación e a creatividade das súas propostas, pero, sobre todo, por levar a sustentabilidade na esencia mesma da idea de negocio. Con respecto á procedencia da empresas, o rural galego continúa emerxendo con forza e supera lixeiramente ao emprendemento nas cidades, mentres que por xénero, son as mulleres as que máis emprenden e dentro das fórmulas xurídicas escollidas polos emprendementos galegos, cotiza á alza a economía social.

Entre as liñas de negocio con compromiso ambiental destaca Airco2, que se dedica a eliminar a pegada de carbono nas empresas con monte de cercanía ao tempo que permite gañar un diñeiro coa xestión das árbores. Trátase da primeira Green Fintech española que permite descarbonizar grazas a un marketplace que dá acceso a empresas e propietarios forestais. No ámbito das enxeñarías, Beniu Soluciones SL centra os seus servizos en atender as necesidades do rural, empregando técnicas de agricultura de precisión principalmente mediante drones. A mobilidade eficiente volve ter o seu espazo coa proposta de 2ebike, que presentará un vehículo con múltiples aplicacións, tanto para paquetería como para persoas.

Ler a noticia completa no DUVI