Dúas décadas despois da súa primeira edición, a Conferencia internacional sobre enerxía renovable e calidade da enerxía regresa a Vigo

Desde hoxe e ata o vindeiro venres máis de 200 científicos e científicas, fabricantes e persoas usuarias de todo o mundo daranse cita na Escola de Enxeñaría Industrial da UVigo e tamén en formato en liña para abordar o desenvolvemento recente, os problemas e as solucións nas áreas da enerxía renovable e da calidade de enerxía. Durante tres días, no marco da 20ª edición da International Conference on Renewable Energy and Power Quality (Icrepq’22), tanto en formato presencial como en liña, presentaranse preto de 150 traballos, 54 en sesións orais e 94 en posters sessions, aos que se engaden seis relatorios en sesións plenarias a cargo de sete relatores, que abordarán cuestións como o hidróxeno verde, a substitución de motores eléctricos na UE, o desenvolvemento da compatibilidade electromagnética ou o reto dunha descarbonización eficiente. O congreso tamén conta cun dous espazos de exposición de tecnoloxías OPALRT e MegaResistores.

“A Icrepq é a principal conferencia internacional dedicada integramente ás enerxías renovables e á calidade da enerxía”, sinala Manuel Pérez Donsión, presidente do Comité directivo e docente e investigador da EE Industrial, en relación con este foro para especialistas, que desde hoxe e ata o venres abordarán o progreso actual e tendencias futuras nestas dúas áreas, pero tamén temas como: vehículos eléctricos, máquinas e accionamentos eléctricos, electrónica de potencia ou estratexias de control, seguimento e diagnose.

Ler a noticia completa no DUVI