O Pont-Up Store busca mellorar a competitividade dos proxectos empresariais nacidos na pandemia

Máis de 30 actividades integran o programa da novena edición do Pont-Up Store, o encontro do emprendemento que a Universidade de Vigo, a través do Campus Crea, promove cada ano en Pontevedra, co apoio da Concellería de Promoción Económica como patrocinador principal, así como da Deputación Provincial e de máis de 50 entidades públicas e privadas. Seleccionados de entre 150 candidaturas, 40 novos proxectos empresariais darán a coñecer os seus produtos e servizos no recinto que se instalará os días 23 e 24 de setembro na praza de España, onde se desenvolverán boa parte da trintena de actividades complementarias que conforman o programa deste evento, presentado este luns no Concello. Como explicou o director do Pont-Up Store, o profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Pedro Figueroa, “a internacionalización e a sostibilidade” constitúen os eixos centrais desta programación, á que se suman unha serie de iniciativas dirixidas a axudar aos emprendedores e emprendedoras a “desenvolver competencias que lles permitan madurar” os seus proxectos.

Aberto á participación de empresas contistuídas nos últimos tres anos e medio, as candidaturas presentadas ás diferentes modalidades de participación do Pont-Up Store permitiron constatar a existencia dunha serie de proxectos aos “que lles faltaba un punto de madurez, derivado destes dous anos de covid-19 e restricións”, explicou Figueroa. Isto motivou que desde a organización do evento, liderada polo grupo de investigación G4 Plus, se optase por recuperar unhas “xornadas previas”, que se desenvolverán entre o martes 20 e o xoves 22 e que agrupan “unha serie de actividades formativas”, promovidas coa colaboración da Cámara de Comercio e a Deputación, sobre cuestións “como a viabilidade económica, o márketing, as axudas e subvencións ou as fórmulas de cooperativismo”.

Ler a noticia completa no DUVI