324 estudantes internacionalizan os campus de Vigo, Pontevedra e Ourense

A Universidade de Vigo é neste curso 2022/2023 máis internacional que o pasado, ao acadar no primeiro cuadrimestre a cifra de 324 estudantes estranxeiros, fronte aos 277 do curso 2021/2022. Logo do brusco descenso experimentado no número de estudantes entrantes nos últimos anos por mor da pandemia, a UVigo recupérase progresivamente, aínda que o escenario internacional segue sen ser o idóneo para os intercambios, como sinala a vicerreitora de Internacionalización, Maribel del Pozo. “A cifra é bastante positiva porque aínda que rematou a pandemia estamos nun escenario bastante incerto. Ademais do coronavirus está a situación económica , os alugueres nalgunhas cidades están absolutamente disparados, a incerteza da guerra en Ucraína … Non é o mellor momento para facer unha estancia, por iso valoramos moi positivamente a progresión, aínda que a nosa intención é traballar para volver a conseguir e superar as cifras anteriores á pandemia”, explica.

Do total de 324 estudantes estranxeiros que neste primeiro cuadrimestre cursarán os seus estudos nos campus de Vigo, Pontevedra e Ourense, e dos que 47 estarán na UVigo todo o ano, 218 son femininos, 105 masculinos e un, non binario. Por países de orixe Italia volve situarse á cabeza con 66 estudantes, seguido de Alemaña con 50, Francia con 33, México con 31, Polonia con 29, Reino Unido con 13 e Brasil con 11. Por programas, o Erasmus+ con 234 é o que máis estudantado foráneo trae á UVigo, mentres que a través de convenios bilaterais chegan este primeiro cuadrimestre 73 alumnos e alumnas. A relación complétase con 10 ISEP, catro Eramus+ prácticas e tres estudantes visitantes estranxeiros. “O alumnado internacional estase a atopar unha Vicerreitoría de Internacionalización totalmente dedicada á tarefa de que teñan a mellor estancia, desde o punto de vista académico e humano. Para iso imos organizar actividades para que se sintan acollidos nos campus”, destaca Maribel del Pozo, que lembra que o reitor xa incidira na súa campaña en que quería unha UVigo máis igualitaria, galega e internacional e, “esta aposta do novo equipo penso que se traducirá en máis medios e iniciativas para conseguir que o alumnado teña unha experiencia satisfactoria e os que pensan en vir non o dubiden e elixan UVigo como destino para unha experiencia internacional”.

Ler a noticia completa no DUVI