Un partido inspirado en C. Tangana gaña as eleccións ficticias de CCSS e da Comunicación

Cunha estética inspirada no disco El Madrileño de C. Tangana e coa posta en valor do talento do alumnado como eixo de campaña, a formación El Publicista converteuse neste 2022 na gañadora das eleccións ás que cada curso concorren catro partidos creados polo alumnado da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. Inserido nas actividades da materia Técnicas de comunicación electoral e institucional, do Grao en Publicidade e Relacións Públicas, a iniciativa que desde hai máis dunha década promove o profesor Xosé Rúas ten como obxectivo que o alumnado poña en práctica os coñecementos adquiridos sobre estratexias de campaña e comunicación política nunha contenda electoral que decide unha parte da nota final da materia. Tras dúas semanas de campaña, este xoves tivo lugar unha votación, aberta a todo o alumnado e persoal da facultade coa excepción do estudantado da materia, na que participaron un total de 173 persoas. Con 79 votos, El Publicista proclamouse gañador destes comicios, nos que a formación Patrones rematou segunda, con 79, mentres que os partidos Pasión de Facultades e Polítiko obtiveron 21 e 17 apoios, respectivamente.

“Foi toda unha aprendizaxe, tanto a nivel académico como persoal”, recoñece Óscar Domínguez, candidato do partido gañador, dunha “actividade moi intensa”, da que destaca o “gratificante” de ver como “tras suores e nervios, todo o esforzo daba os seus froitos”. Iniciada o 2 de maio coa pegada de carteis, a campaña comprendeu iniciativas como un debate entre candidatos, con bloques temáticos pactados previamente e tempos taxados, xunto coas diferentes iniciativas que cada partido ía desenvolvendo nos postos que instalaron na planta baixa do centro e que foron desde o reparto de comida á organización de xogos ou sorteos. “Foi unha campaña moi correcta, sen ruído”, salienta Rúas dunha iniciativa “que todos os anos crea grande expectación entre o alumnado e que lles permite gozar aprendendo cun xogo de rol”.

Ler a noticia completa no DUVI