O audiovisual como ferramenta para proxectar a Rosalía nas aulas do século XXI

O propósito de achegar a obra e a figura de Rosalía de Castro ao alumnado constituíu o punto de partida do proxecto que deu lugar á curtametraxe A rosa incandescente, que este luns presentaba na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación a súa produtora e guionista, a profesora Anxos García Fonte. “Este traballo débese á nosa inquietude por crear contidos que cheguen facilmente ao noso alumnado, e para iso, no mundo en que vivimos é imprescindible utilizar os medios audiovisuais”, salientou no encontro que completou a proxección desta curta dirixida por David Vázquez. Promovida polo Departamento de Filoloxía Galega e Latina, a Área de Normalización Lingüística e a Vicerreitoría do campus de Pontevedra, esta proxección e coloquio contou así mesmo coa participación da tamén docente do IES Breamo de Pontedeume Glafira Fernández-Campoamor, autora xunto con García Fonte da publicación Encanta se ri, conmove se chora, no que reúnen diferentes actividades didácticas relacionadas co filme e coa obra e traxectoria da escritora.

Da man dos docentes Benigno F. Salgado, Elvira Riveiro e Ana Acuña, nesta xornada leváronse a cabo dúas proxeccións da curta, sucedidas polo correspondente coloquio, dirixidas a achegar o alumnado da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte ás orixes e características dun proxecto nacido cunha vontade didáctica. “A película trata sobre a vida, a obra e a figura de Rosalía de Castro. É unha maneira de mostrar os textos que pensamos que son máis representativos da súa obra, mostrando a escritora no seu ambiente”, explicou García Fonte desta curta de ficción, na que Rosalía de Castro é interpretada por Alba López. Nese senso, a produtora e guionista deste filme puxo o foco neste encontro, inserido nas actividades da Comisión PEA-Unesco de Ciencias da Educación e do Deporte, en que A rosa incandescente non busca ser unha biografía da escritora, senón unha obra “na que Rosalía de Castro se dirixe directamente ao público e fala das súas inquietudes”.

Ler a noticia completa no DUVI