Un filme centrado na traxectoria da artista finesa Maija Sola abre o vindeiro luns 23 a programación neste ano 2023 de Docs del Mes, un ciclo de cinema documental que se desenvolve en 70 localidades de España e que a Vicerreitoría do campus promove en Pontevedra desde 2018. Con entrada libre ata completar a capacidade da sala, as proxeccións sucederanse ata o mes de xuño na Casa das Campás, dando continuidade a unha iniciativa “que ten xa un público asiduo”, como lembra o director de área adxunto á Vicerreitoría, Luis Torres, que destaca “o positivo de poder continuar con esta programación ao longo de 2023”.
Con proxeccións que terán lugar o terceiro ou cuarto luns de cada mes ás 20.00 horas, o ciclo retoma a súa actividade o vindeiro luns 23 co documental no que a cineasta finesa Leena Kipeläinen “reconstrúe a incrible vida de Maija Isola”, unha artista que “revolucionou o mundo do deseño téxtil” nas décadas de 1950 e 1960 “cun estampados florais que se converterían nun éxito global”, como destaca a promotora de Docs del Mes. Ao mes seguinte, o 27 de febreiro poderá verse Un viaje de mármol, un documental do director chinés Sean Chang que se presenta como “unha reflexión con humor sobre a autenticidade, a tradición, as relacións internacionais e a absurdeza da economía global”, na que amosa como os bloques de mármore extraídos dunha canteira en Grecia viaxan en barco a China “para seren convertidos en esculturas e columnas de estilo grego”.