O campus de Pontevedra conta coa certificación internacional Green Campus, que está orientada á realización de actividades de educación ambiental
Green Campus é un Programa internacional da Fundación para a Educación Ambiental FEE (Foundation for Environmental Education). A FEE concedeu ao campus de Pontevedra a distinción Green Campus e por tanto a Universidade de Vigo xunto á da Coruña son as primeiras universidades a nivel estatal en recibir esta bandeira, que distingue o coidado e a prevención ambiental.
A FEE agrupa a 76 ONG, en 65 países nos cinco continentes. En cada un dos estados participantes existe unha organización responsable dos programas da FEE (Bandeira azul, Chave verde e Ecoescolas) que se orientan á realización de actividades de educación ambiental. No estado español, esa organización é ADEAC (Asociación de Educación Ambiental y del Consumidor).
Obxectivos básicos do programa Green Campus
- Aplicar de forma progresiva unha adaptación da metodoloxía do programa Ecoescolas ao ámbito universitario.
- Articular o compromiso adquirido pola universidade en favor dun desenvolvemento máis sustentable e equitativo.
- Dar valor engadido ao que xa se está facendo e proporcionar un recoñecemento e un estímulo para continuar facéndoo, ser un exemplo para terceiras persoas.
- Implicar a comunidade universitaria na mellora ambiental do campus ou da facultade que participa no programa.
- Traballar en rede con distintas universidades, tanto nacionais como internacionais.
Presentación do programa Green Campus
Aquí tes a túa disposición información básica sobre as actividades e iniciativas desenvolvidas no marco do Programa Green Campus e diversa documentación concibida en relación cos obxectivos e coas áreas temáticas prioritarias do Green Campus. En particular, poderás consultar o plano de acción que guiará a implantación das diversas accións.