O Comité Ambiental do programa internacional Green Campus do campus de Pontevedra realiza a seguinte declaración ambiental que asume o compromiso básico en favor do desenvolvemento sostible e equitativo para o que resulta imprescindible trasladar os valores e principios ambientais ás actividades docentes, investigadoras e de servizos xerais de forma que resulten coherentes co referido desenvolvemento. Todo iso desde unha dimensión global e en cooperación permanente con outras experiencias semellantes.

Conscientes da relevancia medioambiental da área da Xunqueira que se atopa situada no sistema fluvial do río Lérez e encadrada na Rede Natura 2000 e na Zona de Especial Protección de Valores Naturais.

Conscientes da necesidade de educar e sensibilizar en materia ambiental os colectivos que integran a comunidade universitaria (estudantes, PDI e PAS) para garantir a eficacia das iniciativas medioambientais e de fomentar as actitudes activas de defensa ambiental entre usuarios e usuarias de todos os centros, servizos e instalacións do campus.

Conscientes da indispensable necesidade de establecer e manter un diálogo continuo e unha colaboración estable coas institucións públicas locais e coas entidades e asociacións ambientais da contorna máis próxima.

Esta declaración ambiental concrétase nos seguintes compromisos:

  • Promover a reciclaxe, a recuperación e a reutilización de materiais, e velar pola redución da xeración de residuos nas actividades cotiás.
  • Reducir a contaminación consecuencia das actividades universitarias mellorando a eficiencia e o rendemento enerxético dos edificios e instalacións universitarias.
  • Incorporar a consideración da dimensión medioambiental tanto nas actividades universitarias docentes e de investigación como nas tarefas relativas á construción e ao mantemento dos edificios e das instalacións, buscando protexer e fortalecer os hábitats naturais e a biodiversidade.
  • Promover modos de transporte que tendan a minimizar o impacto ambiental.
  • Asegurar que os criterios medioambientais sexan considerados no subministro de bens e na prestación de servizos.
  • Fomentar a concienciación e sensibilización medioambiental entre os diferentes colectivos da comunidade universitaria mediante as oportunas actividades.
  • Difundir entre o público en xeral este compromiso ambiental e calquera outra información pertinente.

Pontevedra, 24 de abril de 2015

Salustiano Mato de la Iglesia
Reitor da Universidade de Vigo

Declaración Ambiental do campus de Pontevedra