O campus busca impulsar un grupo de baile tradicional

Iniciarse, sen necesidade de coñecementos previos, nos principais ritmos do baile tradicional galego é o propósito central do obradoiro que a Vicerreitoría pon en marcha por primeira vez no campus, coa mestra de baile, pandeireta e canto tradicional Monste Rivera, integrante do grupo Leilía, como docente. Aberto á participación dun máximo de 18 persoas, este mércores 1 e xoves 2 permanecerá aberto o prazo de inscrición neste curso para as e os integrantes da comunidade universitaria e, de quedar vacantes, abrirase un segundo prazo do 6 ao 14 de febreiro para o conxunto da cidadanía. O curso desenvolverá as súas clases nas tardes dos xoves na Casa das Campás entre o 16 de febreiro e o 1 de xuño e trátase, como explica o director de área adxunto á Vicerreitoría, Luis Torres, do primeiro paso dunha iniciativa “á que buscamos dar continuidade” e rematar dando lugar á creación “dun grupo estable” de baile no campus.

Como explica Torres, a posta en marcha deste obradoiro “intenta completar un pouco a exitosa acollida da Aula Permanente de Música Tradicional Galega”, que iniciou a súa andaina como un obradoiro de interpretación de instrumentos populares e que fixo posible o impulso dun grupo musical que nos últimos meses protagonizou diferentes actuacións. “Trátase un obradoiro que xa se intentara poñer en marcha hai anos e que por cuestións técnicas non se chegou a realizar, pero que víamos que tiña moita aceptación”, engade o director de área respecto deste “curso de iniciación, no que se comezará desde cero”. Nese senso, o propósito é que esta formación, a cargo “dunha profesora de danza que ten publicado ademais varios libros sobre o baile tradicional”, permita tanto coñecer os principais aspectos de bailes como a muiñeira e a xota, como iniciarse na súa práctica. De feito, explica Torres, a intención é que as e os participantes poidan preparar ao longo do curso “unha ou dúas pezas” coas que participar nos concertos que no mes de xuño leva a cabo nas rúas de Pontevedra a Aula Permanente de Música Tradicional. 

Ler a noticia completa no DUVI