O campus dá a benvida a 38 estudantes de dez nacionalidades 

Procedentes de dez países de Europa, América e Asia, 38 alumnos e alumnas de intercambio ampliarán a súa formación no campus pontevedrés no segundo cuadrimestre, ao abeiro tanto do programa comunitario Erasmus+, como dos convenios bilaterais que a Universidade de Vigo ten asinado con institucións académicas de diferentes países e do programa ISEP, de intercambio con Estados Unidos. Co propósito de achegarlles información e asesoramento no inicio da súa estadía en Pontevedra, a Vicerreitoría de Internacionalización e a Oficina de Relacións Internacionais (ORI) promoveu este xoves un acto de benvida na Facultade de Comunicación, dirixido a afondar tanto en cuestións administrativas como nas instalacións, actividades e servizos que lles ofrece á Universidade. 

Dando continuidade aos actos que martes e mércores tiveron lugar nos campus de Vigo e Ourense, esta sesión de benvida contou coa participación da directora da ORI, Amelia Rodríguez, e do vicedecano José Pita, así como de membros da Erasmus Student Network (ESN-Vigo), que presentaron a súa iniciativa de acompañamento para o alumnado internacional, o Buddy Program. O acto completouse así mesmo coa realización dun test de nivel para acceder ao curso de español que organiza o Centro de Linguas. 

Ler a noticia completa no DUVI