Os premios Xuventude Crea recoñecen o talento do alumnado do campus

Preto de 350 mozos e mozas presentaron os seus traballos neste 2022 á décimo terceira edición do certame Xuventude Crea, promovido pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Xunta de Galicia co obxectivo de premiar a creatividade artística da modalidade galega. Entre os galardoados e galardoadas nesta edición, figuran un ano máis novos talentos que se forman no campus pontevedrés. Concretamente, na categoría de moda o segundo e terceiro premio foron para Antía Vieiro e Laura Barrós, respectivamente, por unhas coleccións que naceron como traballos académicos no Máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda. Así mesmo, o xurado da modalidade de videocreación outorgou o terceiro premio á estudante do Grao en Belas Artes Rocío Campoy pola súa obra Emocións en espiral

A gala de entrega dos galardóns ás 14 categorías deste certame tivo lugar na tarde deste sábado en Vigo, nun acto que contou coa participación do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e da conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García. Nas súas trece edicións, destacou o Goberno galego, este certame dirixido a mozos e mozas de ata 30 anos contou coa participación de preto de 4300 creadores e creadoras, que presentaron 3200 obras, e deu lugar á súa vez á creación dun museo dixital no que se reúnen os traballos premiados. 

Ler a noticia completa no DUVI