Sete propostas para ampliar coñecementos abertas a toda a cidadanía

Do uso da programación para o deseño de propostas didácticas e xogos colaborativos ao uso de diferentes ferramentas para realizar avaliacións da mobilidade en persoas maiores, pasando pola identificación de árbores e o traballo con volume na cerámica. Con estas temáticas como novidades, o vindeiro luns ábrese a inscrición nos obradoiros de extensión universitaria que a Vicerreitoría do campus promove neste segundo cuadrimestre. Xunto a estas propostas, novas edicións dos cursos de escalada en rocha, elaboración de proxectos artísticos e deseño de páxinas web con WordPress completan unha oferta formativa aberta a toda a cidadanía, que se desenvolverá entre marzo e maio nas diferentes facultades e escolas do campus. 

O prazo para inscribirse nestes sete obradoiros, que ofertan no seu conxunto preto de 80 prazas, permanecerá aberto entre o vindeiro luns e o xoves 16 de febreiro na plataforma Campus Activo. Recoñecidos cun crédito ECTS por cada 30 horas de traballo, os talleres teñen un prezo de matrícula de 40 euros para o público xeral, de 26 para as e os integrantes da comunidade universitaria e de 32 para outros colectivos vinculados coa UVigo. Trátase, como sinala a vicerreitora de campus, Eva María Lantarón, “dunha oferta que, pola diversidade de temáticas, pode complementar a formación da comunidade universitaria, pero que tamén pode responder aos intereses da cidadanía”, posto que neste abano de obradoiros figuran tanto propostas centradas “en ámbitos máis específicos, con outras máis xeralistas”. Nese mesmo senso, Lantarón sinala tamén “como moi positivo o número de obradoiros que se presentaron a esta convocatoria por parte de profesorado de diferentes ámbitos científicos”.

Ler a noticia completa no DUVI