“Facer fotografía non é sacar fotos”, sinala o fotógrafo e deseñador gráfico Tony Vacas, principal docente do obradoiro de extensión universitaria que nestes meses busca contribuír á “alfabetización visual” do alumnado, iniciándoo no coñecemento dunha serie de cuestións relacionadas coa linguaxe fotográfica, a percepción visual e as ferramentas compositivas. Dirixido pola profesora da Facultade de Belas Artes Mar Caldas, o taller Visión e composición fotográfica desenvólvese de xeito virtual, combinando nas súas sesións semanais a análise dos traballos realizados polo alumnado coa abordaxe de diferentes cuestións relativas aos aspectos estéticos e compositivos que conforman a linguaxe fotográfica.
Inserido na programación de obradoiros da Vicerreitoría do campus para o primeiro cuadrimestre, este curso naceu, como explica Caldas, co propósito de que o alumnado de Belas Artes puidese “continuar ampliando coñecementos” sobre unha disciplina que “utilizarán constantemente” durante a súa formación, xa que, sinala, “só temos materias de fotografía en primeiro e logo temos unha optativa en cuarto curso”. Nese senso, o taller no que se forman oito persoas, tanto alumnado da facultade como persoas alleas á comunidade universitaria, busca “que as e os estudantes desenvolvan a súa capacidade perceptiva visual a partir do coñecemento das ferramentas compositivas”, como sinala Vacas.