Unha mesa sobre emprendemento e superación reunirá a Teresa Portela, Sofía Toro e ‘Defreds’

Comezar, chegar e continuar. Ese é o título da mesa de debate sobre emprendemento, motivación e capacidade para superarse ou reinventarse a un mesmo que a Vicerreitoría do campus promove o vindeiro xoves 24 de novembro, coa axuda técnica de ClínicasON e o patrocinio do Consello Social da Universidade de Vigo. Nun encontro que ten como propósito afondar nos inicios, traxectorias e proxectos de futuro de referentes en diferentes eidos participarán a piragüista e fisioterapeuta Teresa Portela, medalla de prata nos Xogos Olímpicos de Tokio; a docente, xerente do Clúster Galego da Industria do Deporte e o Benestar e campioa olímpica Sofía Toro e o escritor José Ángel Goméz, Defreds.

Programada para o xoves 24 ás 20.00 horas, este debate estará moderado polo fisioterapeuta e fundador de ClínicasON Hugo Ogando, quen incide en que o propósito deste “encontro expositivo e de debate” é que o talento e traxectorias dos tres participantes contribúa a “motivar e estimular aos novos emprendedores”. Con esa idea, este egresado da Facultade de Fisioterapia estruturará a conversa en tres bloques, pondo o foco en primeiro termo nos inicios das deportistas e o escritor, para logo deterse en como viviron Toro e Portela os seus éxitos deportivos ou como afrontou Defreds converterse nun dos autores con maior volume de vendas en España. Finalmente, a conversa buscará dar resposta á pregunta de por que continuar, antes de abrir o coloquio ás preguntas do público.

Ler a noticia completa no DUVI