Como “un foro virtual de intercambio de ideas sobre os desafíos e oportunidades que emerxen no campo da comunicación na era dixital” presentan o grupo de investigación Sepcom e o grupo de innovación docente Dixitais, da Facultade de Comunicación, o congreso internacional que promoven os días 20 e 21 de xuño. Inserido tamén nas actividades da Cátedra Unesco Educación transformadora: ciencia, comunicación e sociedade, da Universidade de Vigo, este II Congreso Internacional de Comunicación en la Sociedad Digital terá como un dos seus eixes centrais “o problema da desinformación como un dos desafíos claves que deben afrontar as sociedades contemporáneas". Mais concretamente, este foro virtual porá o foco nas implicacións que poden ter neste eido as ferramentas de intelixencia artificial, que poden supor un, sinalan, “grave perigo”, pola súa capacidade de xerar informacións falsas “dificilmente distinguibles da realidade”, pero tamén “unha ferramenta de utilidade para combater este fenómeno”.
Dirixido por Alberto Dafonte e María Isabel Míguez, este congreso virtual foi impulsado por primeira vez o pasado ano, no marco das actividades do proxecto Narrativas digitales contra la desinformación verificación de datos y alfabetización en la sociedad digital. Centrado na problemática da desinformación, este primeira edición contou coa participación de máis dun centenar de relatores de 14 países, o que levou aos seus promotores a dar continuidade a esta iniciativa. Xa fóra do proxecto, esta segunda edición buscará, como apunta Dafonte, abordar “temáticas relacionadas coa comunicación na sociedade dixital máis diversas”, dentro das que prestarán especial énfase ás implicacións da intelixencia artificial neste eido. “No ámbito da comunicación en particular, está tendo uns efectos enormes, tanto a nivel de recepción por parte do público, como a nivel laboral, en empresas dos ámbitos do xornalismo, a publicidade ou deseño, que están a testar diferentes ferramentas”, engade o coordinador do grupo Dixitais.