Novas
Na súa edición con maior número de participantes, a Xornada de Investigación Crea reuniu 23 estudantes de diferentes programas de doutoramento, que presentaron as súas liñas de traballo nun encontro que se levou a cabo tanto na Escola de Enxeñaría Forestal coma na Facultade de Comunicación. Promovido polo Campus Crea, co apoio do Consello Social da Universidade de Vigo, trátase dunha iniciativa que busca dar visibilidade a estudos relacionados coas diferentes liñas do proxecto de especialización, contribuíndo a proxectar os procesos de investigación como “un dos piares fundamentais do Campus Crea”, salientou a vicerreitora, Marián Fernández.
Esta xornada completouse coa entrega dos VI Premios Crea, promovidos co apoio da Deputación de Pontevedra. Estes galardóns foron outorgados á investigadora da Facultade de Belas Artes Sara Piñeiro, por unha investigación plástica baseada no traballo con po de granito, e á egresada da Facultade de Comunicación Cristina Martínez, por un vídeo-ensaio sobre os elementos narrativos comúns do cinema luso-galaico.
O acto de entrega contou coa participación da vicerreitora do campus; do vicepresidente da Deputación, Rafael Domínguez; e do presidente do Consello Social da UVigo, Ernesto Pedrosa, así como do director de área do Campus Crea, Alberto Dafonte. Na súa intervención, Marián Fernández destacou que esta xornada reuniu tanto estudantes de diferentes programas de doutoramento da UVigo como doutras universidades galegas e resaltou a importancia de divulgar os resultados dos procesos de investigación, xa que a transferencia de coñecemento “conforma outro dos piares fundamentais do Campus Crea”. Nese senso, puxo en valor as contribucións tanto do estudantado, como dos grupos de investigación e das facultades vinculadas ao Campus Crea no “grande obxectivo” de acadar no ano 2028 a acreditación como campus de especialización do Sistema Universitario de Galicia (SUG).
Pedrosa, pola súa banda, definiu este proxecto como “un espazo vivo” que ten na “creatividade e na innovación social” os seus eixes e que avoga por ir máis aló das “fronteiras entre diversas disciplinas”, mentres que Domínguez reivindicou o lugar de Pontevedra como “cidade da creatividade”.
Ler a noticia completa no DUVI
Conformado por seis estudantes da Facultade de Belas Artes e unha alumna da Facultade de Comunicación, o colectivo Recanto asumiu no presente curso a coordinación da Sala O Abrigo, onde nestas semanas preséntanse tamén como artistas a través da mostra colectiva Dentro dun espazo maior. Articulada arredor do significado da súa propia denominación, esta exposición levounos a construír o seu propio “recanto” dentro deste espazo da Facultade de Belas Artes, que na tarde deste xoves acollerá un concerto que ten o exilio e a figura de Castelao como eixes centrais. Baixo o título de A golpe de desterro: Cancións da memoria, a percusionista e alumna de doutoramento desta facultade Lucía Martínez estreará neste espazo unha “cartografía sonora do exilio e da emigración sonora”, nunha actuación inserida na programación do festival Vertixe 14.
Dentro dun espazo maior
“O noso colectivo nace como un proxecto baseado na relación de amizade entre os e as creadores e creadoras, co obxectivo de realizar unha arte comprometida e creada a partir dun proceso que non se somete a ningún tipo de norma ou algoritmo e nado da reflexión e da introspeción”. Deste xeito preséntase o colectivo Recanto, responsable este curso da xestión da sala creada pola Facultade de Belas Artes na antiga cafetaría do centro, despois de que as licitacións para este servizo quedasen desertas. Integrada polos estudantes de Belas Artes Matías Barros, Elba Bermúdez, Carla Fuentes, Xulia García, Pablo Gómez e Noa González, xunto coa alumna da Facultade de Comunicación Celeste Pose, o grupo avogou por explorar “o significado da palabra que nos nomea” en Dentro dun espazo maior, a súa exposición de presentación.
Unha das acepcións deste termo, segundo o dicionario da Real Academia Galega, é “lugar retirado, dentro dun espazo máis grande”, o que serviu como punto de partida para unha exposición na que articularon o seu propio “recanto” dentro da sala, incorporando elementos como coxíns ou un sofá a unha mostra que reúne obras de diferentes disciplinas. Combinando pezas individuais e colectivas, na exposición atópanse propostas como unha peza escultórica de Xulia García, traballos de videoarte de Celeste Pose e Pablo Gómez, unha instalación de Carla Fuentes e pezas pictóricas de Elba Bermúdez e Matías Barros, xunto cun cómic, unha peza téxtil de Noa González ou fanzines pendurados en diferentes puntos da sala. A través deste conxunto de obras, que poden contemplarse ata o 26 de novembro, Dentro dun espazo maior busca falar non só do propio colectivo, sinalan, “senón tamén do xogo, dos significados escondidos das cousas que nos rodean e das novas formas de habitar espazos”.
Ler a noticia completa no DUVI
Unha peza romana con dúas facianas contrapostas, cedida polo Museo do Prado, constitúe o punto de partida de Bifrontes, unha exposición que reúne as obras de 16 artistas vinculados á Facultade de Belas Artes no Edificio Sarmiento do Museo de Pontevedra. Coa profesora Covadonga Barreiro como comisaria, esta exposición articúlase arredor dunha peza que evoca a “coexistencia de categorías contrapostas e imaxinar aquilo que acontece xustamente no límite, no encontro entre o pasado e o futuro”, sinala. A través das creacións de persoal docente e investigador, de antigas e antigos docentes e de alumnado actual e pasado, esta exposición permite precisamente unha “mirada bifronte”, salientou Barreiro, ao pasado e futuro da facultade, nun momento marcado pola remuda xeracional do seu profesorado.
Bifrontes inaugurarase na tarde deste mércores e poderá visitarse ata o 14 de febreiro e foi presentada nesta xornada polo vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Domínguez, coa directora do museo, Ángeles Tilve, xunto á súa comisaria. Ambos subliñaron a importancia para a institución museística das colaboracións coa facultade, previamente reflectidas en exposicións como Campo de sementes 2, Pregar a pintura e Pinturas negras, “e que agora continúa con Bifrontes”, sinalou Tilve, quen incidiu na aposta desta institución por potenciar unha liña de traballo que leva a que “pezas do noso museo sirvan para a investigación e a creación contemporánea”. Nesa mesma liña, o vicepresidente da Deputación salientou que para o museo “é fundamental incrementar as relacións con Belas Artes”, pondo de relevo que o diálogo entre a facultade, a institución museística e a Bienal de Pontevedra “é unha das cousas máis rupturistas que temos en Pontevedra”.
Ler a noticia completa no DUVI
Na noite deste venres, 15 novos titulados e tituladas no Máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda presentarán no Pazo da Cultura as coleccións que desenvolveron como proxectos de fin de estudos. Farano na vixésima edición de Debut, o evento central dunha programación que se estende ao longo desta semana, na que as facultades de Deseño e Belas Artes acollen 15 talleres, coloquios e seminarios, nos que participan preto de 200 estudantes da Facultade de Deseño.
Tres talleres simultáneos este luns
Dirixida tanto ao alumnado deste mestrado como do Grao en Deseño, nesta programación formativa insírense propostas como o obradoiro Traballando con volumes, promovido coa colaboración de Artesanía de Galicia e impartido por Félix de Martín, artesán especializado en sombreiraría de autor e pezas á medida, recoñecido neste 2026 co Premio Antonio Fraguas de Artesanía Contemporánea. Dirixido ao alumnado de máster, trátase dun taller centrado no coñecemento dos materiais estruturais e das técnicas específicas para o traballo con volumes, tanto nas aplicacións á indumentaria como no deseño de produto.
Este luns lévase a cabo tamén un taller de técnicas de remendo e reparación de prendas, dirixido ao alumnado do Grao en Deseño. Impartido pola artesá e deseñadora téxtil especializada en técnicas manuais de tecido, bordado e reparación creativa Io Morales, fundadora de Ío Obradoiro Téxtil, que impartirá tamén un segundo taller martes e mércores. Esta actividade combinou a abordaxe dos puntos de remendo máis habituais e os procedementos recomendados segundo o tipo de desgaste ou rotura, coa posta en práctica de diferentes técnicas en prendas achegadas polas persoas participantes.
Ao mesmo tempo, na mañá deste luns desenvolvíase na Facultade de Deseño unha sesión formativa centrada no desenvolvemento de proxectos dixitais co software Figma, dirixida a achegar ao alumnado a metodoloxía de traballo profesional dun estudo de deseño e á súa aplicación no desenvolvemento dun prototipo. Este taller viuse sucedido pola tarde por un segundo obradoiro, centrado tamén no traballo con Figma, ambos impartidos por Noelia Estévez, Laura Costas e Ricardo Couñago, do estudo Desoños.
A programación péchase esta noite cun encontro coa deseñadora de vestiario Clara Bilbao, promovido coa colaboración dos Premios Feroz. Gañadora de tres premios Goya ao mellor deseño de vestiario, Bilbao protagoniza un coloquio aberto ao público, conducido pola coordinadora do Máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda, Lola Dopico.
Ler a noticia completa no DUVI
Pontevedra será neste 2026 a sede das exposicións e da programación da Luga Poster Biennale, un certame internacional de cartelismo ao que concorreron máis de 2000 proxectos, procedentes de 66 países. Promovido pola Facultade de Media Artes e Design (FMAD) e o Instituto de Investigación en Deseño, Medios e Cultura (ID+) da Universidade Técnica do Porto, conxuntamente coa Asociación Galega de Deseño (Dag), desta convocatoria saíu unha selección de 300 carteis procedentes de 43 países, que se presentarán nunha exposición que poderá visitarse na Facultade de Belas Artes entre o 10 de decembro e o 15 de xaneiro.
A esta mostra sumarase unha exposición de carteis do deseñador galego Pepe Barro e un ciclo de conferencias, no marco dunha programación que se desenvolverá en Pontevedra coa colaboración da UVigo, a través do Campus Crea, o Concello de Pontevedra, a Xunta de Galicia e a Fundación Didac. Promovida tamén co apoio da Fundación para a Ciencia e a Tecnoloxía de Portugal (FCT) e a fundición tipográfica R-Typography, esta programación foi presentada na Casa das Campás pola vicerreitora do campus, Marián Fernández, o director do ID+, Vítor Quelhas; a presidenta da Dag, María Ramos; e o concelleiro de Cultura e Educación, Demetrio Gómez.
Esta segunda bienal luso-galega de cartelismo foi presentada pola vicerreitora como “a primeira da que poden ser moitas colaboracións”, tanto coa FMAD como co resto de institucións implicadas, á vez que como unha iniciativa que contribuirá “á consolidación do campus de especialización Crea”. Do mesmo xeito, Gómez definiu como un “auténtico luxo” que a cidade poida acoller a programación da segunda edición dun certame nacido en 2024 no Porto. Nese senso, Quelhas explicou que Luga xurdiu co propósito de conectar Galicia e Portugal e de promover unha reflexión sobre “o cartel na actualidade”, como unha das formas máis significativas de comunicación visual e expresión cultural. De aí que incidise en que máis aló dun evento expositivo, Luga busca ser un espazo de encontro “de autores, investigadores, estudantes e profesionais”, que permita fomentar a investigación, o pensamento crítico e a experimentación arredor do cartel, "destacando a súa capacidade para comunicar, cuestionar e implicar á esfera pública”, sinalaron desde a organización.
“Esta convocatoria está pensada para ser un punto de encontro entre investigadores, estudantes, docentes e profesionais, pero tamén para chegar ao público xeral e para que sexa un punto de reflexión, no que achegarnos ao contexto actual e á creación contemporánea”, engadiu nesa mesma liña María Ramos.
Ler a noticia completa no DUVI
O venres 20 de novembro, o Pazo da Cultura acollerá a edición número 20 de Debut, o desfile no que os novos titulados e tituladas do Máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda presentan as coleccións que desenvolveron como proxectos de fin de estudos. Nacida en 2007, o obxectivo desta pasarela é “levar máis lonxe o traballo” do estudantado “e presentalo nun ámbito profesional”, así como á cidadanía, salientou a coordinadora deste mestrado, Lola Dopico, na presentación de Debut 2026. Nesta ocasión serán 15 novos titulados e tituladas os que opten aos premios outorgados pola Fundación Bimba y Lola e a Fundación Artesanía de Galicia cos proxectos que idearon como traballos de fin de máster (TFM). Farano na xornada que porá o peche a unha programación de actividades centradas no deseño e na moda, da que forman parte 14 talleres dirixidos ao alumnado da facultade, así como dúas conferencias abertas á cidadanía.
Esta programación foi presentada este xoves na Casa das Campás, pola coordinadora do mestrado, a vicerreitora do campus, Marián Fernández; o concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez, e o decano da Facultade de Deseño, Marcos Dopico. Nacido en 2007, o desfile no que inicialmente presentaba as súas coleccións o alumnado do título propio de Esdemga, posteriormente substituído polo actual mestrado, constitúe “unha das mostras máis significativas do traballo que se pode facer nunha Universidade”, lembrou a vicerreitora, xa que se trata dun proxecto “baseado na formación e na transferencia” dun traballo baseado na “interdisciplinariedade”, tanto ao tecido social como ao industrial. “É un orgullo que chegaramos ata aquí con este proxecto, que ten tanto impacto na cidadanía de Pontevedra e na Universidade”, engadiu o decano de Deseño, mentres que Gómez definiu Debut como “un evento de vangarda”, que é xa “unha parte consubstancial da programación cultural de Pontevedra”.
Ler a noticia completa no DUVI
Promovidos polo Clúster da Comunicación de Galicia e dirixidos a poñer en valor o traballo das empresas, institucións e profesionais da comunicación e do márketing de Galicia, os Premios Paraugas celebrarán este venres no Teatro Jofre Ferrol a gala de entrega da súa décimo primeira edición, na que un dos galardóns será para unha estudante da Facultade de Comunicación da Universidade de Vigo. Os proxectos presentados por tres alumnas deste centro, Larissa da Silveira, Micaela Mosquera e Lara María Chao, foron seleccionados polo xurado como as tres propostas finalistas na categoría de estudantes deste certame, dirixida a dar visibilidade ao talento que se incorporará proximamente ao sector profesional.
Alumna do Máster en Dirección de Arte en Publicidade, Larissa da Silveira foi nomeada finalista do Premio Paraugas Estudantes por Galego de peto, un minidicionario-chaveiro que deseñou xunto coa súa irmá Leticia, tamén alumna deste mestrado. Así mesmo, o xurado seleccionou outro proxecto ideado por estudantes deste mesmo máster: Micaela Mosquera, Renan Fraga e Valentina Rodríguez. Trátase de Frecha, sigue tu camino, a súa proposta dunha marca de cadernos de viaxe inspirada no Camiño de Santiago. Tamén optará a este galardón a alumna do Grao en Publicidade e Relacións Públicas Lara María Chao, polo seu vídeo Despierta humano, crea, no que reflexiona sobre o uso da intelixencia artificial no sector publicitario.
Ler a noticia completa no DUVI
Responsables da Vicerreitoría e do Campus Crea, así como de diferentes facultades inseridas no proxecto de especialización do campus, mantiveron este venres unha reunión de traballo con representantes da Facultade de Media Artes e Design (FMAD), dirixida a abordar posibles vías de colaboración e traballo conxunto con este centro da Universidade Técnica de Porto (UTP). O obxectivo deste encontro, salientou a vicerreitora do campus, Marián Fernández, é tratar de dar forma a unha “relación estable e continuada” coa FMAD e co seu Instituto de Investigación en Deseño, Media e Cultura (ID+).
“Podemos ter intereses comúns moi substanciais”, salientou Fernández no inicio dunha reunión de traballo dirixida a establecer “relacións e vinculacións desde o punto de vista da docencia e da investigación”. Neste encontro participaron o director da FMAD, José Quinta Ferreira; o subdirector da facultade e director do instituto de investigación, Vítor Quelhas; e o subdirector do ID+ e director do Departamento de Multimédia desta institución, Horácio Marques; así como o director de área do Campus Crea, Alberto Dafonte, e representantes dos equipos decanais das facultades de Deseño, Comunicación e Belas Artes.
Un dos propósitos do encontro era que tanto os representantes da FMAD como das facultades adscritas ao Campus Crea expuxesen as súas liñas de investigación e traballo específicas nos ámbitos da creatividade, o deseño, as artes e a comunicación. Non en van, a antiga Escola de Media Artes e Design, constituída como facultade neste 2026 tras a transformación en universidade do antigo Instituto Politécnico do Porto, é un centro interdisciplinar cuxa formación e investigación abrangue campos como o audiovisual, a fotografía, o cinema, o deseño gráfico e multimedia ou as tecnoloxías web.
“Este é un encontro importante para nós, porque queremos consolidar unha relación coa Universidade de Vigo”, salientou o director da FMAD, que apuntou que os resultados desta “aproximación que estamos a facer serán moi importantes para desenvolver proxectos futuros a varios niveis”. Neste punto, Quinta sinalou tanto a posibilidade de impulsar proxectos de investigación conxuntos como “posibles parcerías” no eido académico, en ámbitos como “programas de formación comúns ou a posibilidade de establecer incluso un programa de doutoramento”, engadiu Fernández.
Ler a noticia completa no DUVI
Collages pola vivenda é o título da exposición que nestes días reúne na Sala O Abrigo de Belas Artes un conxunto de obras que condensan as visións de 23 estudantes da facultade sobre o problema da vivenda e o encarecemento dos alugueres. Impulsada polo colectivo Recanto, responsable no presente curso da coordinación deste espazo expositivo, esta mostra colectiva reúne un conxunto de obras inicialmente concibidas como exercicio académico para a materia Arte e espazo social, do Grao en Belas Artes.
Coordinada polo profesor David Pavo, trátase dunha materia optativa de cuarto curso na que o alumnado debe levar a cabo un exercicio no que traballen, desde a colaxe, “na elaboración dunha imaxe con implicación ideolóxica”, explica. Nun principio, apunta este docente, ía tratarse dun exercicio a abordar desde unha perspectiva xeral, “pero dada a situación social paralela marcada pola crise da vivenda, coa acampada na Porta do Sol de Madrid” e a propia “repercusión local” que tivo coa acampada situada fronte á facultade, avogou porque estes traballos puxesen o foco “nesta realidade”.
Ler a noticia completa no DUVI