A proxección de 13 longametraxes procedentes de 13 países, os encontros con profesionais e as actividades formativas combínanse na décimo primeira edición do Festival Internacional de Cinema de Pontevedra Novos Cinemas, que se desenvolverá entre o 8 e o 13 de decembro, coa Facultade de Comunicación como unha das súas sedes. Organizado pola Asociación Cultural e Cinematográfica Novos Cinemas e producido por Matriuska, trátase dun certame centrado nas primeiras e segundas longametraxes de novos directores e directoras, que conta co financiamento da Vicerreitoría do campus, Concello de Pontevedra, Deputación de Pontevedra, Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia (Agadic) e Instituto de la Cinematografía y de las Artes Audiovisuales (ICAA).
A Facultade de Comunicación acollía este xoves a presentación dunha programación que, ante o peche do Teatro Principal, espallarase por diferentes puntos da cidade, como este centro do campus pontevedrés, onde se exhibirán os filmes da sección Latexos, ou a sede da Vicerreitoría. Na súa primeira xornada, ademais, a sesión de apertura verase precedida pola estrea das dez curtametraxes realizadas por estudantes do campus nun obradoiro impartido pola cineasta Candela Sotos.
Ler a noticia completa no DUVI