
Preto de 450 docentes e investigadores de 95 institucións de ensino superior de 20 países reuníronse nos últimos días en Montevideo, con motivo do IV Congreso Latinoamericano de Investigación y Educación Superior Interdisciplinaria, dirixido a promover o intercambio de experiencias e proxectos baseados na combinación de diferentes áreas de coñecemento, como é o caso do programa de doutoramento do Campus Crea. De aí que a Universidade de Vigo fose unha tras tres institucións académicas españolas presentes no evento promovido pola Universidad de la República e no que a vicerreitora do campus de Pontevedra, Eva María Lantarón, e a directora de área do Campus de Especialización Crea, Ana Belén Fernández Souto, buscaban dar a coñecer o programa de doutoramento en Creatividade e Innovación Social e Sostible.
Creado en 2017, ao abeiro do proxecto de especialización do campus pontevedrés, este programa promove a realización de estudos que vinculen cando menos dous ámbitos de coñecemento diferentes, fomentando no desenvolvemento de investigacións interdisciplinares que conecten as áreas de innovación e sostibilidade dos recursos naturais; innovación en saúde; deseño e innovación social; innovación, sostibilidade e comunicación; innovación pedagóxica na profesionalización docente e gobernanza e innovación. De aí que Fernández Souto puña o foco na “oportunidade” que supuña estar presentes nun “congreso moi específico sobre interdisiciplinariedade e educación superior”, tendo en conta ademais que, se ben, “comezan a implantarse graos interdisciplinares”, existen menos experiencias no ámbito dos estudos de doutoramento, de tal xeito que se trata dun “programa bastante pioneiro, que espertou moito interese entre investigadores de diferentes países”, recoñece.

Investigadora do grupo dx5 da Facultade de Belas Artes, Antía Iglesias centrou a investigación que desenvolveu para a súa tese de doutoramento no traballo con tres especies de plantas exóticas e invasoras que poden atoparse na ribeira do Umia e coas que tratou de xerar papeis e tintas. A investigación que levou a cabo no Doutoramento en Creatividade e Innovación Social e Sostible implicaba unha combinación entre a a creación artística e a enxeñaría química e forestal e, ademais destes materiais, deu lugar tamén a un conxunto de obras que se deteñen nos propios procesos de traballo para a obtención destes papeis e pigmentos, reunidas nunha exposición na Fundación RAC. Baixo o título de Un bosque de malas hierbas, esta mostra presenta un conxunto de pezas que abranguen do gravado e o debuxo aos procesos dixitais e as instalacións e que, explica, “pretenden visualizar esa colaboración entre a arte e a ciencia, abordando, desde a hibridación de ambas linguaxes e metodoloxías, a cuestión do residuo vexetal de especies exóticas”.
“A exposición é un resultado máis da tese”, recoñece Iglesias, que o pasado venres defendía na sede desta fundación a investigación que desenvolveu baixo a dirección da profesora de Belas Artes Anne Heyvaert, comisaria desta exposición, e da directora da Escola de Enxeñaría Forestal, Ángeles Cancela. A contuación, inaugurábase tamén unha mostra que pode visitarse desde este luns e que se insire na colaboración entre a Fundación RAC e a Universidade de Vigo. A exposición pode contemplarse en horario de 18.00 a 21.00 horas e clausurase este sábado 20 cunha visita guiada pola artista, que buscou que nela se visen reflectidas as dúas dimensións da súa investigación, “tanto a parte de laboratorio como de taller”.

Xerar sinerxías entre o alumnado dos diferentes centros de formación artística superior de Galicia é o propósito da Residencia de Creadores e Creadores Emerxentes Interaccións artísticas en Galicia, que desde este martes reúne no Pazo de Mariñán, no muncipio coruñés de Bergondo, alumnado das facultades de Belas Artes e Deseño, dos conservatorios superiores de música da Coruña e Vigo e de diferentes escolas superiores de deseño. Coa pedra como eixe temático, o obxectivo destes encontros é que estudantes de diferentes ámbitos artísticos poidan traballar de forma conxunta e dar forma a proxectos creativos de carácter interdisciplinar. Promovida pola Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) xunto coas diferentes institucións educativas participantes, coa colaboración da Deputación da Coruña, trátase da quinta edición desta residencia, na que a UVigo está representada por oito alumnas do campus pontevedrés.
“O interesante destes encontros é que vén xente do ámbito da música, do teatro, das artes plásticas en todas as facetas... A idea é que poidan traballar en común e que xurdan proxectos desas conexións”, sinala o profesor de Belas Artes Ignacio Barcia, que coordina a participación do alumnado do campus neste proxecto xunto con Román Corbato, da Facultade de Deseño, centro que se suma por primeira vez a esta iniciativa. Ao longo desta semana, as estudantes Mónica Lago, Alba Pino, Elena Ramírez, Jimena Rodríguez, Nerea Santiago, Cristina Souto, Sandra Barreiro e Ruth Vidal desenvolven neste pazo as propostas artísticas que idearon a partir do lema desta edición A pedra: tempo e materia. Coincidindo co feito de que a RAGBA dedica neste 2024 o Día das Artes Galegas ao escultor Francisco Asorey, avogouse porque a pedra fose o “eido de reflexión tránsito ou chegada dos procesos de creación” desta edición, na que participan, xunto ás facultades e conservatorios, as escolas superiores de deseño Pablo Picasso, Mestre Mateo, Ramón Falcón e Antonio Faílde, así como a Escola Superior de Arte Dramática (ESAD).

Valéndose de materiais de refugallo atopados en diferentes puntos de Pontevedra, o estudante de Belas Artes Manuel Balsas explora a expansión da pintura máis aló dos límites e técnicas tradicionais do cadro na exposición Romper, pintar, atopar, andar, que na tarde desta venres se inaugura no local da asociación Kentada. Co investigador predoutoral Carlos Fer como comisario, esta mostra abre tamén unha liña de colaboración entre a facultade e esta asociación creada por exalumnos e exalumnas de Belas Artes, que levará a estudantes de Belas Artes a defender neste espazo os seus traballo de fin de grao. Ese é precisamente o caso de Balsas, que nesta xornada presentaba o TFG do que saíron as obras que conforman esta exposición.
Conformada por unha escolma das pezas que Balsas desenvolveu para o seu proxecto académico, nesta mostra preséntanse un conxunto de obras nas “a pintura reinvéntase, pasando de ser unha técnica confinada a un soporte bidimensional a un acto que involucra obxectos e contronas, desafiando as percepcións convencionais”, segundo recolle o texto de presentación desta exposición. Como explica este alumno, trátase do resultado dun proceso no que buscou afondar nas posibilidades da pintura “como un fío condutor”, como un medio para conectar unha serie de obxectos que buscaba que “funcionasen como cor ou como formas" e cos que observar "os diálogos que puidesen xurdir entre a materia e a pintura”.

O Teatro Fernando Fernán Gómez de Madrid acollía na noite deste xoves o acto de entrega Premios Academia de la Moda Española 2024, a iniciativa coa que se pon en marcha unha academia recentemente constituída, que reúne representantes dos ámbitos do deseño, a industria, a imaxe ou a investigación. Promovida pola Fundación Academia de la Moda Española, esta iniciativa botou andar co nomeamento de 129 académicos e académicas fundadores, entre os que se se atopa a coordinadora do Máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda da Universidade de Vigo, Lola Dopico.
Como explica Dopico, esta iniciativa foi promovida por unha fundación de recente creación, presidida polo deseñador Modesto Lomba e impulsada precisamente co obxectivo de pór en marcha unha academia “onde teñan cabida os deseñadores e deseñadoras, pero tamén a parte de artesanía, a investigación e a difusión”, de tal xeito que permita congregar “todos os colectivos que se reúnen en torno á moda”. Para a súa a posta en marcha, o padroado desta fundación convidou a converterse en académicos e académicas fundadoras a profesionais de diferentes ámbitos, entre os que se atopa a investigadora da UVigo. Neste punto, Dopico, que participaba este xoves no acto de entrega de premios, recoñece este nomeamento como unha posta en valor “do traballo formativo, de investigación e de difusión que vimos facendo, primeiro co título propio de Esdemga e despois mestrado” adscrito á Facultade de Deseño. Nese senso, destaca o seu nomeamento como académica fundadora como unha posta en valor “do traballo desenvolvido desde a Universidade de Vigo e desde o mestrado, que ten unha repercusión da que ás veces non somos moi conscientes”.

Integrada por 765 docentes de diferentes universidades españolas, a Asociación Española de Investigación da Comunicación (AE-IC) celebrará en Pontevedra o seu X Congreso Internacional, que terá lugar en xuño de 2026. Así se acordou na última asemblea desta asociación, que ratificou a proposta de que a Facultade de Comunicación sexa, por primeira vez, sede do que é “o principal congreso” de investigación neste ámbito que se desenvolve en España, como sinala a súa decana, Emma Torres, que prevé que este evento poida reunir na cidade “entre 400 e 500 persoas”. Ao mesmo tempo, nesta asemblea acordouse tamén a renovación da xunta directiva da asociación, á que se incorpora, como secretario académico, o tamén profesor da facultade pontevedresa Xosé Rúas.
“A AE-IC é a asociación máis grande no ámbito da comunicación e que Pontevedra acolla un evento como este, pona no mapa e reforza o traballo que se está facendo en termos de docencia e investigación no noso centro”, sinala Torres, que hai uns días presentaba á facultade na asemblea que a AE-IC celebraba en Murcia, no marco da novena edición deste congreso internacional de carácter bienal. Despois de que a Facultade de Comunicación acollese en xuño do 2023 o IV Doctorial da AE-IC, dirixido a dar visibilidade ao traballo de novas e novos investigadores, a asociación propuxo este centro da UVigo como sede do seu principal evento científico. “Na facultade temos moita actividade, pero desde o Lusocom de 2014”, o congreso da Federación das Asociacións Lusófonas de Ciencias da Comunicación, “non acollíamos un evento desta magnitude”, recoñeceTorres.

Presentada como “unha cita única para o cine de vangarda”, desde o pasado venres desenvólvese na Coruña á decimo quinta edición do festival (S8) Mostra de Cinema Períferico, que un ano máis volve dedicar unha das súas seccións ás creacións desenvolvidas polo alumnado de Belas Artes. Sete estudantes da facultade pontevedresa presentaron na mañá deste venres na Filmoteca de Galicia unhas curtas que realizaron como traballos académicos, no marco da sección Paraíso deste festival.
Héctor Pousa, Mayoor Baiju, Eva Lareo, Álvaro Trigo, Fabiola Quintela, María Martelo e Paula Pumares presentaron nesta xornada sete mostras dun “cinema artesanal, intuitivo e experimental”, como sinala a cineasta e profesora da facultade Xisela Franco, responsable de titorizar os traballos presentados nesta sección. Impulsada hai tres anos, Paraíso formúlase nunha sección dirixida a promover o encontro entre o alumnado de Belas Artes das universidades de Vigo e Salamanca, e nela presentaron tamén as súas curtas cinco estudantes desta universidade, titorizados por Laura Gómez Vaquero. Ademais, as e os seleccionados poderán tamén participar este domingo nun taller de cinema analóxico e ecolóxico impartido por Franci Durán, Phil Hoffman e Robin Riada, “referentes canadenses do cinema experimental”, segundo sinalan desde a organización.

Deterse na produción artística en Galicia na década de 1980 e “contar a historia desde outra perspectiva, desde unha perspectiva feminista, que teña en conta as circunstancias políticas sociais dun contexto concreto”. Este é o propósito inicial, como sinala a profesora da Universidade de Vigo Susana Cendán, de Outras historias posibles, a exposición inaugurada este martes no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura e na que reúne as obras de seis artistas que “comezaron a despuntar” naquela década co obxectivo de “contar outra historia” da arte en Galicia “que complemente ás xa existentes”. Con esta docente das facultades de Belas Artes e Deseño como comisaria, a mostra percorre as traxectorias de seis mulleres con “propostas esteticamente dispares”, nacidas na década de 1950 e que non contaran “cunha exposición monográfica en condicións que lexitime a súa traxectoria”, subliña. Trátase da tamén profesora de Belas Artes Anne Heyvaert, das pintoras Ana García Pan, Blanca Silva, Tusi Sandoval e Laura Terré e da ceramista Emilia Guimeráns.
“Máis aló de ofrecer un listado de mulleres artistas baseado na recuperación de nomes, a exposición preséntase como unha guía que complemente o xa coñecido, nun enmallado social, político e artístico non sempre favorable”, engade Cendán das motivacións dunha exposición inaugurada este mediodía polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia, José López; o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; e a directora xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez. “A historia que nos apece contar neste proxecto pasa por mostrar realidades que permaneceron ocultas, por propoñer significados descoñecidos sobre artistas reais e extraordinarias”, subliña a comisaria no texto de presentación desta mostra. Co obxectivo de proporcionar “unha visión integral” das súas traxectorias, Cendán buscou reunir un abano de obras o “suficientemente amplo e representativo” das seis protagonistas, nunha exposición que reúne en conxunto, máis dun cento de pintura, esculturas, xilografías e debuxos. Ao mesmo tempo, o seu propósito era tamén deterse en “aspectos que abarcan o cotián, o privado, o que comunmente se soe silenciar”. De feito, a exposición que poderá visitarse ata xaneiro de 2025 é resultado dun traballo de investigación, que se verá reflectido tamén na publicación dun catálogo, deseñado pola profesora de Deseño Patricia Dopico, con textos biográficos das seis artistas.

Como “un foro virtual de intercambio de ideas sobre os desafíos e oportunidades que emerxen no campo da comunicación na era dixital” presentan o grupo de investigación Sepcom e o grupo de innovación docente Dixitais, da Facultade de Comunicación, o congreso internacional que promoven os días 20 e 21 de xuño. Inserido tamén nas actividades da Cátedra Unesco Educación transformadora: ciencia, comunicación e sociedade, da Universidade de Vigo, este II Congreso Internacional de Comunicación en la Sociedad Digital terá como un dos seus eixes centrais “o problema da desinformación como un dos desafíos claves que deben afrontar as sociedades contemporáneas". Mais concretamente, este foro virtual porá o foco nas implicacións que poden ter neste eido as ferramentas de intelixencia artificial, que poden supor un, sinalan, “grave perigo”, pola súa capacidade de xerar informacións falsas “dificilmente distinguibles da realidade”, pero tamén “unha ferramenta de utilidade para combater este fenómeno”.
Dirixido por Alberto Dafonte e María Isabel Míguez, este congreso virtual foi impulsado por primeira vez o pasado ano, no marco das actividades do proxecto Narrativas digitales contra la desinformación verificación de datos y alfabetización en la sociedad digital. Centrado na problemática da desinformación, este primeira edición contou coa participación de máis dun centenar de relatores de 14 países, o que levou aos seus promotores a dar continuidade a esta iniciativa. Xa fóra do proxecto, esta segunda edición buscará, como apunta Dafonte, abordar “temáticas relacionadas coa comunicación na sociedade dixital máis diversas”, dentro das que prestarán especial énfase ás implicacións da intelixencia artificial neste eido. “No ámbito da comunicación en particular, está tendo uns efectos enormes, tanto a nivel de recepción por parte do público, como a nivel laboral, en empresas dos ámbitos do xornalismo, a publicidade ou deseño, que están a testar diferentes ferramentas”, engade o coordinador do grupo Dixitais.